O futuro NEA 3 continuaría afondando no potencial dos portos deportivos como factor dinamizador da economia das rexións atlánticas de Europa
Santiago, 9 de decembro de 2012.- Portos de Galicia participará activamente no impulso á continuidade do proxecto Europeo NEA 2 para o establecemento de sinerxias na promoción da náutica recreativa nas rexións atlánticas de Europa. Así o ratificará o ente público coa súa representación na reunión que terá lugar o vindeiro día 11 no marco do Salón Náutico que se está a celebrar dende o pasado venres en París.
O obxectivo deste encontro de traballo entre representantes das diferentes rexións atlánticas será estreitar os lazos entre os participantes no vixente programa NEA 2 e fixar e promover a súa continuación a través do que sería o NEA 3, para o próximo periodo de programación de fondos europeos 2014-2020. Deste xeito darase continuidade ao eixo central destas propostas, a posta en valor do potencial dos portos deportivos como factor dinamizador da economía das rexións atlánticas europeas.
O futuro NEA 3, como o NEA 2, definirá tres piares de actuación para continuar avanzando no desenvolvemento da náutica recreativa: social, económico e medioambiental. En concreto, no caso da nosa comunidade, este tercer piar foi especialmente reforzado coas actuacións desenvolvidas nos últimos anos, orientadas á consecución de distintivos medioambientais, en concreto Bandeiras Azuis, e á adaptación dos peiraos autonómicos para as persoas con discapacidade. Así se porá de manifesto na reunión na que se intercambiarán experiencias coas outras rexións participantes.
Finalmente, a reunión no Salón Náutico de París prevé incluir tamén un debate sobre as vías para o reforzo da posición do turismo e da actividade náutica na Estratexia Marítima para o Atlántico (Blue Growht), que se está concretando en diferentes foros en toda Europa. A este respecto, dende Galicia cómpre lembrar que a implicación do sector turístico no impulso a náutica recreativa e a vinculación de ambos para un mellor aproveitamento das accións encamiñadas a atraer visitantes xa foi incluido por Portos de Galicia no seu Plan Estratéxico para a Náutica Recreativa 2012-2020, recentemente presentado.