Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

O esforzo da Xunta co saneamento de Marín queda demostrado no feito de que na actualidade hai dúas actuacións en marcha que suman máis dun millón de euros para este ano

Medio Ambiente licita as obras de saneamento de Pereiro-Cadrelo, no concello de Marín por máis de 530.000 euros

Tal e como anunciou a conselleira nunha visita recente a Marín o Diario Oficial de Galicia publica hoxe este contrato de obra pública

As empresas interesadas en presentar as súas ofertas a esta actuación, cuxo prazo máximo de execución é de 4 meses, dispoñen ata o 17 de abril

Augas de Galicia iniciará no mes de abril as obras de saneamento de Pereiro- O Pozo
 

Santiago, 18 de marzo de 2015.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita hoxe no Diario Oficial de Galicia as obras da rede de sumidoiros nos lugares de Pereiro e Cadrelo, no Concello de Marín, por un importe de máis de 530.000 euros.

Tal e como anunciara a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, nunha recente visita ao Concello de Marín, Augas de Galicia licitou este contrato de obra pública, cuxo prazo máximo de execución é de 4 meses.

A actuación licitada hoxe forma parte do proxecto de saneamento en Pereiro-O Pozo, que se desdobra en dúas fases e que suman un investimento dun millón de euros. Trátase do segundo dos proxectos, que mellorará o saneamento nos núcleos de Pereiro- Cadrelo, mentres que a primeira é a relativa ao saneamento de Pereiro- O Pozo.

Ambas actuacións están recollidas no convenio asinado en 2010 entre a Xunta e o Concello de Marín, polo que se desenvolven varias infraestruturas hidráulicas no rural e do cal xa se executaron actuacións por máis de 1,5 millóns de euros.

Na Área do Pereiro executarase un colector cunha lonxitude de case 300 metros, que é a prolongación da rede O Pereiro– O Pozo e 3 ramais. Na Área de Cadrelo executaranse dous novos ramais cunha lonxitude de 530 metros e unha estación de bombeo e unha impulsión. A estación de bombeo construirase en formigón armado. Estará dotada con dúas bombas somerxidas protexidas por cestón de groxos, e terá cámara de válvulas.

Pereiro-O Pozo
Augas de Galicia tamén iniciará no mes de abril as obras de rede de sumidoiros en Pereiro- O Pozo, no Concello de Marín, adxudicadas a principios deste mes por un importe de 522.000 euros, á empresa Sevitec Medioambiente, SL, e que facilitará a posta en servizo da infraestrutura xa rematada de Miñán-A Esperela.

Esta actuación conectarán os núcleos de Pereiro e o Pozo, que actualmente non contan con servizo de saneamento a rede de saneamento municipal de Marín. As obras consisten na instalacións de case un quilómetro (940 metros) de colectores por gravidade, e dous bombeos: un cunha capacidade de 3.5 litros/segundo e outro de 11.8 l/s. Dende cada un dos bombeos parte unha impulsión de 215 e 485 m de lonxitude respectivamente.

Estas dúas actuacións son un exemplo da necesidade de implicación e do traballo de todos, fundamentalmente das administracións locais, dado que son as responsables últimas das tarefas de mantemento e renovación das redes de saneamento.