Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

O ente público asesorará aos seus concesionarios para cumprir coas directrices marcadas no regulamento unificado de explotación das dársenas recreativas

Portos de Galicia ofrece a súa axuda técnica aos xestores náuticos para a elaboración dos plans de xestión ambiental

O documento deberá contemplar a xestión racional dos recursos e o tratamento dos residuos e as garantías de conservación do litoral, entre outras medidas

Santiago, 23 marzo de 2014.- Portos de Galicia pón á disposición dos xestores das instalacións náutico recreativas os seus servizos de asesoramento técnico para a elaboración dos plans de xestión ambiental cos que deben contar os portos deportivos galegos, en virtude do Regulamento unificado de explotación das dársenas recreativas, que vén de entrar en vigor. O ente público axudará aos concesionarios que así o soliciten a orientar o contido da folla de ruta para o desenvolvemento sostible dos portos deportivos.

Tal como se expón no regulamento que se atopa vixente dende o pasado día 12 de febreiro, todos os peiraos afectados deberán contar con un plan de xestión ambiental nun prazo máximo de 3 anos. Este documento contemplará as obrigas de protección do entorno e fomento das enerxías renovables, como parte do labor de conservación do litoral que se impón dende Portos de Galicia.

Entre as directrices expresas, os plans de xestión ambiental dos portos deberán recoller indicacións respecto á xestión dos recursos, como a enerxía, auga e consumibles. Farán especial atención ademais á xestión de residuos: urbanos, perigosos e augas residuais. Deberá establecer un réxime de control da producción de residuos así como a fórmula de xestión axeitada e específica en cada caso.

Portos de Galicia velará así mesmo por que os documentos expliciten outros aspectos de cumprimento da lexislación ambiental. En concreto centrarase nos relativos á prevención da contaminación mariña e lumínica ou a integración e harmonización das obras coa paisaxe e á compatibilidade das infraestruturas e a normativa urbanística das vilas portuarias.
 

Tema: Portos