Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Cultura e Educación e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil colaboran para que dous titulados de FP realicen prácticas no laboratorio da Comisaría de Augas de Ourense

A Consellería continúa así a promover que os estudantes da Formación Profesional coñezan o funcionamento de centros de traballo real, o que facilitará a súa posterior entrada no mundo laboral

O CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel seleccionará aos bolseiros de entre os que finalizaran no curso 12/13 o ciclo de grao superior de Saúde Ambiental

O conselleiro reuniuse hoxe tamén coa Confederación Empresarial de Ourense para abordar as posibilidades de expansión da FP Dual na súa zona de influencia

  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín; asinaron hoxe un convenio de colaboración
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín; asinaron hoxe un convenio de colaboración
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín; asinaron hoxe un convenio de colaboración

Ourense, 17 de xuño de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín; asinaron hoxe un convenio de colaboración a través do que dous titulados de Formación Profesional realizarán prácticas nas instalación desta entidade na Comisaría de Augas de Ourense. Deste xeito, a Consellería continúa a promover que os estudantes de FP coñezan o funcionamento de centros de traballo real, o que facilitará a súa posterior entrada no mundo laboral, tal e como xa se fixo coa incorporación a todos os ciclos formativos do módulo de FCT (formación en centros de traballo) e, xa noutra modalidade destas ensinanzas, coa posta en marcha de 15 proxectos de FP Dual.

De feito, o conselleiro e a subdirectora xeral de FP, María Eugenia Pérez, reuníronse tamén hoxe co presidente e vicepresidente da Confederación Empresarial de Ourense, un encontro no que abordaron as posibilidades de expansión da FP Dual na zona de influencia da CEO.

O CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel seleccionará aos bolseiros de entre os que finalizaran no curso 12/13 o ciclo de grao superior de Saúde Ambiental. O período de prácticas terá unha duración dun ano, e será remunerado a través dun sistema de bolsas, polo que os beneficiarios non suplirán en ningún caso a ningún traballador no Laboratorio de Análise e Calidade das Augas da devandita Comisaría.

A CHMS achegará á Consellería 20.000 euros para a convocatoria destas 2 bolsas de formación, que serán xestionadas a través do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel. Neste sentido o conselleiro agradeceu a colaboración da Confederación e o seu interese en participar na formación de expertos en materia ambiental. “Estou seguro de que tras este período de prácticas estaremos diante de 2 profesionais perfectamente cualificados para desenvolver os labores que a Confederación Hidrográfico do Miño-Sil ten encomendados no eido do seguimento e control da calidade das augas”.