Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

O director de Augas de Galicia asistiu onte á reunión da Comisión Institucional encargada de difundir as actuacións acometidas e aprobar os programas de traballo

Xunta e Fegamp avanzan no desenvolvemento do Pacto Local da Auga para ofrecer unha xestión de calidade no seu ciclo urbano

A Comisión Institucional do Pacto Local propón a contratación da redacción dun estudio operativo, xurídico e financeiro da xestión dos servizos do ciclo urbano da auga de Galicia

Outra das propostas céntrase na elaboración dunha estrutura tarifaria homoxénea que poida servir de referencia para as Entidades locais de Galicia

En novembro de 2013 a Xunta de Galicia e a FEGAMP asinaron o Protocolo para o desenvolvemento do Pacto Local para a xestión do ciclo urbano da auga

  • - A Xunta de Galicia e a Fegamp celebraron onte a segunda reunión da Comisión Institucional para o desenvolvemento do Pacto Local da Auga

Santiago, 19 de xuño de 2014.- A Xunta de Galicia e a Fegamp celebraron onte a segunda reunión da Comisión Institucional para o desenvolvemento do Pacto Local da Auga co fin de acadar nos concellos galegos unha xestión de calidade para os cidadáns.

Neste encontro no que estivo presente o director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, xunto representantes da Xunta de Galicia, das Deputacións Provinciais e das Entidades Locais analizáronse as actividades e traballos realizados para o cumprimento do Pacto Local.

Esta Comisión ten, entre outros cometidos, o de liderar e representar o Pacto, difundindo as actuacións acometidas e aprobando os programas de traballo, así como as propostas de documentación que se efectúen pola Comisión Técnica.

Novas propostas
Como novidades os representantes das administracións públicas implicadas no protocolo do Pacto Local, propuxeron a contratación da redacción dun estudio operativo, xurídico e financeiro da xestión dos servizos do ciclo urbano da auga e a elaboración dunha estrutura tarifaria homoxénea que poidan servir de referencia para as Entidades locais de Galicia.

A primeira das propostas servirá para adoptar decisións e conseguir avanzar cara a un modelo de prestación supramunicipal que se adapte ás circunstancias do territorio e ao marco normativo existente e permita asegurar a prestación eficaz dos servizos.

Mentres a creación dunha estrutura tarifaria homoxénea servirá de referencia para as Entidades locais de Galicia. Para avanzar na concreción desta estrutura tarifaria, acordouse elaborar unha ordenanza fiscal tipo para os servizos da auga que poida ser tomada como base por parte das entidades locais.

Pacto Local da Auga
En novembro de 2013 a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) asinaron o Protocolo para o desenvolvemento do Pacto Local para a xestión do ciclo urbano da auga.

Este protocolo ten como finalidade alcanzar un uso sostible do ciclo da auga en Galicia, a través do análise e as deficiencias de saneamento e abastecemento nos concellos e así mellorar os servizos, ofrecendo unha maior homoxeneidade nestes para garantir unha maior calidade para os cidadáns e con iso o cumprimento das determinacións da Directiva Marco europea da Auga.