Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Cultura e Educación ofrece no Gaiás a mostra de incunables de Abanca, un tesouro bibliográfico de talle internacional

A exposición, que pode visitarse na Biblioteca e Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura, foi inaugurada polo responsable do departamento de Cultura do Goberno galego, Xesús Vázquez Abad, e mailo director xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación de Abanca, Miguel Ángel Escotet

Exponse ao público un total de 66 títulos que representan os principais centros impresores europeos dos tempos de Gutenberg

Dezaoito deles están xa dixitalizados a través da Biblioteca Dixital de Galicia, Galiciana, e, polo tanto, os cidadáns interesados poden consultalos a través de internet

  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na inauguración da exposición ‘O berce do libro. Incunables da colección ABANCA
    Autor: Xoán Crespo
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na inauguración da exposición ‘O berce do libro. Incunables da colección ABANCA
    Autor: Xoán Crespo
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na inauguración da exposición ‘O berce do libro. Incunables da colección ABANCA
    Autor: Xoán Crespo
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na inauguración da exposición ‘O berce do libro. Incunables da colección ABANCA
    Autor: Xoán Crespo
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na inauguración da exposición ‘O berce do libro. Incunables da colección ABANCA
    Autor: Xoán Crespo

Santiago, 19 de decembro de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na inauguración da exposición ‘O berce do libro. Incunables da colección ABANCA, nun acto no que estivo acompañado do director xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación de ABANCA, Miguel Ángel Escotet; e mais do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

A mostra, que permanecerá aberta ata o 31 de marzo de 2015 na Biblioteca e Arquivo de Galicia, ofrece ao público un extraordinario fondo de 66 títulos que converten á Cidade da Cultura nun referente no eido dos estudos bibliográficos a nivel nacional e internacional. Dezaoito destes incunables xa foron dixitalizados a través da Biblioteca Dixital de Galicia, Galiciana, polo que están dispoñibles para todos os cidadáns no enlace http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/abanca/es/micrositios/inicio.cmd. Ademais dez dos títulos recollidos son interactivos.

O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, subliñou que esta colección “representa unha achega de incalculable valor, non só polos fondos incunables aquí presentes, senón tamén pola escolla de títulos, desde os primeiros tenteos da imprenta ata xoias do século XIX e XX”. Así mesmo o conselleiro expresou o seu agradecemento a ABANCA por permitir “que as galegas e galegos podamos gozar dos resultados dunha técnica e dunha arte que, a partires de mediados do século XV, acada niveis artísticos e técnicos extraordinarios”. Vázquez Abad cualificou o material exposto como “xoias bibliográficas” que “nos seguen a abraiar hoxe en día como abraiaron aos europeos daquela época.”

Pola súa banda, o director xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación de ABANCA resaltou que entre as publicacións atópanse exemplares de gran valor, algún deles únicos en España, polo que a exposición “brinda unha oportunidade extraordinaria para achegarnos a un período apaixonante para todos os que nos definimos como amantes do libro e a lectura”.

Miguel Ángel Escotet manifestou tamén a súa satisfacción por como foi concibida por parte do equipo de profesionais da Biblioteca de Galicia, aos que trasladou os seus parabéns polo traballo realizado. “Esta exposición reflicte a calidade dos nosos fondos bibliográficos e cumpre o dobre obxectivo que buscaba o banco coa cesión das súas publicacións a esta institución: compartir o noso amplo patrimonio artístico con toda a cidadanía e contribuír ao enriquecemento cultural da sociedade”, indicou o directivo.

A colección
Cómpre lembrar que 66 os incunables que se ofrecen ao público son obras impresas mediante tipos metálicos móbiles, con anterioridade ao ano 1501. Trátase, por tanto, das primeiras obras dadas ao prelo que aparecen e das que esta mostra é un bo exemplo, xa que nela están representados os principais centros desa época, os berces onde se crean algúns dos mellores e máis fermosos incunables. De feito, unha parte importante dos incunables da colección proveñen de Venecia, así como doutras cidades como Roma, Florencia, Boloña, París, Lyon o Nuremberg entre outras.

Así, poden verse materiais como o impreso en letras góticas de Arnao Guillén de Brocar ou o impreso en Sevilla das Vidas de Plutarco polos Cuatro Compañeros Alemanes no ano 1491. Tamén hai obras relacionadas directamente con Galicia como a de Paulo Orosio, autor orixinario da provincia romana de Gallaecia, coetáneo de San Agustín, de quen recibe o mandato de permanecer en África para escribir unha obra na que quedasen reflectidos todos os acontecementos da historia da humanidade desde a creación de Adán ata aqueles momentos.

No percorrido pola exposición, os visitantes tamén poderán ver tres vídeos de animación a través de tres pantallas táctiles sobre a orixe, a extensión e o funcionamento da imprenta Gutenberg por España e por Europa. En concreto, nun dos vídeos poderá seguirse o procedemento de traballo dunha imprenta do século XVI, desde o deseño e fabricación dos tipos ata a composición das caixas e das formas, entintado e prensado. Outro dos vídeos céntrase na expansión da imprenta en Europa desde a invención de Gutenberg en Maguncia en 1452 ata 1500 e a súa chegada a diferentes cidades da península. Finalmente o terceiro dos vídeos explica as diferentes técnicas de gravado utilizadas nas primeiras épocas da imprenta.

Cómpre destacar o valor que estes incunables teñen para Galicia, onde apenas hai coleccións importantes en mans públicas. De feito, as únicas coleccións de incunables públicas de relevancia son a colección Massó (agora propiedade da Xunta) e a colección da Universidade de Santiago.

Esta exposición de incunables forma parte do fondo bibliográfico de máis de 3.200 volumes da colección que ABANCA depositou recentemente na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura a raíz dun acordo coa Consellería de Cultura e Educación.
 

Documentos relacionados