Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Cultura e Educación subvenciona con 110.000 euros a actividade de seis asociacións profesionais do ámbito das industrias culturais e de catro salas de exhibición escénica

A resolución da convocatoria da Agadic decidiu por concorrencia competitiva os colectivos de defensa do sector e os escenarios de titularidade privada que este ano percibirán axuda

Agapi, Escena Galega, Profesionais da Xestión Cultural, Academia Galega do Audiovisual, Asociación de Actores e Actrices de Galicia e Clubtura repártense 50.000 euros para o seu financiamento

Os espazos escénicos Teatro de Ensalle, Teatro del Andamio, sala Gurugú e sala Ingrávida resultaron adxudicatarios dos 60.000 euros previstos na súa modalidade
 

Santiago, 4 de setembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria subvencionará este ano con 110.000 euros a actividade de seis asociacións profesionais e de catro salas de exhibición en artes escénicas de titularidade privada, como resultado da convocatoria de axudas da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) para o apoio a estes dous ámbitos.

A resolución feita pública hoxe, coa que se cumpre o procedemento de concorrencia competitiva iniciado coa publicación no DOG (Diario Oficial de Galicia) o pasado 26 de xuño, adxudica a distintos colectivos de defensa do sector das industrias culturais os 50.000 euros previstos decide os escenarios galegos que contarán con 60.000 euros para o seu funcionamento.

Deste xeito, Agapi (Asociación Galega de Produtoras Independentes) resultou beneficiaria de 13.091,70 euros; a Asociación Escena Galega percibirá 13.037,70 euros; a Asociación Galega Profesionais da Xestión Cultural 2.268 euros; a Academia Galega do Audiovisual 3.500 euros; a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, 6.733 euros e a Asociación Clubtura, 11.369,60 euros.

Todas estas entidades son representativas das empresas e profesionais no sector da produción e distribución de produtos ou servizos de consumo cultural. Os requisitos que se lles esixiron son a ausencia de ánimo de lucro, ter social ou estatutariamente como obxecto social a promoción de calquera clase de produto cultural para a defensa dos seus intereses propios, e que o seu ámbito de actuación se limite ao autonómico.

Escenarios de Vigo, A Coruña e O Porrriño
Canto ás salas escénicas galegas, Teatro Ensalle de Vigo recibirá 21.676,26 euros, Teatro del Andamio da Coruña 14.880,84 euros, Gurugú Producciones (titular da sala coruñesa do mesmo nome) terá 9.151,22 euros e Xerpo Cultural, sociedade que rexenta a Sala Ingrávida, situada na localidade pontevedresa do Porriño, contará con 14.291,68 euros.

As subvencións ás salas diríxense a persoas físicas ou xurídicas xestoras de espazos de artes escénicas de titularidade privada con capacidade igual ou inferior a 250 localidades. Para obter este tipo de subvencións, da que se exclúen os recintos pertencentes a asociacións ou outras entidades sen ánimo de lucro, foi necesario presentar un proxecto de programación artística para o presente ano 2014.

Con estas adxudicacións resólvense as modalidades B e C da convocatoria pública de Subvencións á Distribución para as Industrias Culturais, Asociacionismo Profesional e Salas de Artes Escénicas para 2014. A modalidade A, dedicada á distribución e dotada con 350.000 euros, xa publicou dúas quendas de adxudicacións e mantén aberto o prazo de presentación de propostas ata o 30 de setembro.

Aglutínanse así os programas de apoio aplicados a reforzar o papel dos creadores individuais e das empresas culturais co obxectivo de consolidar un tecido capitalizado, competitivo e innovador e, ao mesmo tempo, a potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos diferenciais.

As resolución pode consultarse en http://www.agadic.info/Avisos/detalles/186