Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

O DOG publica hoxe as resolucións das ordes do Fondo de Compensación Ambiental e de Infraestruturas de uso público

As axudas ascenden a máis de 10 millóns de euros, dos cales case nove son do FCA, a través das liñas competitiva (64 beneficiarios) e non competitiva (113)

A orde de infraestruturas achega case 1,3 millóns a 44 concellos para a creación, adecuación ou rehabilitación de prazas, rúas, parques infantís e vías e paseos

Santiago, 31 de marzo de 2014.- A edición de hoxe do Diario Oficial de Galicia publica as resolución das ordes de axuda do Fondo de Compensación Ambiental e de infraestruturas de uso público, que achegan aos concellos galegos máis de 10 millóns de euros.

Ao abeiro da orde do Fondo de Compensación Ambiental a Vicepresidencia da Xunta reparte 8.932.371 euros, a través das súas liñas competitiva -1,9 millóns de euros e 64 concellos subvencionados- e non competitiva -7 millóns e 113 concellos-.

O Fondo de Compensación Ambiental é unha iniciativa que o Goberno da Xunta puxo en marcha en 2010 e que permitiu que por vez primeira os concellos galegos puideran beneficiarse directamente da explotacións eólicas, posto que as actuacións que se realizan son financiadas a través do canon eólico.

Ademais, este Fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta: co medio ambiente -está dirixido a actuacións ambientais-, coas facendas locais, xa que representa un importante ingreso para as arcas municipais; e por último co reequilibrio territorial, xa que a maioría dos concellos beneficiados atópanse en zonas rurais do interior de Galicia.

Infraestruturas públicas
Doutra banda, a orde de infraestruturas de uso público destina 1.284.972 euros a subvencionar 44 proxectos de creación, adecuación ou rehabilitación de espazos públicos, prazas, rúas e vías públicas, así como paseos municipais e parques destinados á infancia.

Esta liña de subvencións é en réxime de concorrencia competitiva -de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións de concellos- e está cofinanciada polo Fondos de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Por provincias, a máis beneficiada foi a de Ourense, con 16 concellos e 432.031 euros; seguida da de Pontevedra, con 10 concellos e 359.533 euros; e A Coruña e Lugo, con 9 concellos subvencionados cada unha e 275.192 e 218.214 euros, respectivamente.

Premios Coopera
Por último, o DOG de hoxe tamén publicou a concesión dos Premios Coopera 2013, que distinguen aos mellores proxectos piloto de xestión compartida de servizos por parte de agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas.

Os galardoados foron a Mancomunidade de municipios de Arousa Norte, a Mancomunidade Terra de Celanova e o Consorcio Local Conca do Lérez, con 40.000, 25.000 e 12.500 euros, respectivamente; que xa recibiron o seu premio o pasado mes de febreiro de mans do presidente da Xunta.

Ademais, neste acto institucional tamén se concederon tres “mencións especiais” ás agrupacións de concellos Nogueira de Ramuín e outros; á de Dodro, Padrón e Rois; e ao Consorcio das Mariñas. Estas últimas distincións non terán dotación económica pero si puntuarán para futuras convocatorias de axudas, subvencións ou convenios.