Instituto de Medicina Legal de Galicia

O Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) é un órgano da Administración de xustiza en Galicia, que ten por misión prestarlles asistencia técnica aos tribunais, fiscalías e xulgados en materia de medicina forense.
Esta organización, integrada polos médicos forenses e persoal técnico e auxiliar, ten a súa sede en Santiago de Compostela e centros de traballo situados, ademais de nesta cidade, na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

O IMELGA foi creado polo Decreto 119/2005, do 6 de maio, da Xunta de Galicia e, en virtude de  Orde do 23 de marzo de 2006, entrou en funcionamento.
Nas súas funcións técnicas o Instituto actúa con carácter independente e sometido unicamente ás regras de investigación científica 

Funcións

A investigación medicolegal en todos os casos de morte violenta ou sospeitosa de criminalidade é a función máis coñecida dos médicos forenses, malia que tamén é recoñecida a súa intervención no control periódico da evolución dos lesionados e a valoración dos danos corporais que sexan obxecto de actuacións procesuais, así como a asistencia e vixilancia facultativa das persoas detidas.

Ademais desta vertente máis salientada, as súas funcións comprenden o estudo e a emisión dos informes que lle sexan requiridos polas autoridades xudiciais e fiscais en todos os aspectos medicolegais. Tamén constitúe o seu labor a emisión de informes previstos na normativa sobre o Rexistro Civil (sobre a idade ou sobre o sexo das persoas implicadas en expedientes gobernativos, sobre a causa da morte, etc.).

No seo do IMELGA estas actividades organizaranse a través do Servizo de Patoloxía Forense (medicina forense de mortos) e do Servizo de Clínica Médico-forense (medicina forense de vivos).

Alén disto e dentro dunha concepción ampla da saúde, a intervención de psicólogos no Servizo de Clínica garante o estudo, avaliación e informe dos aspectos da súa disciplina profesional.

Por último, cómpre destacar que tamén se encadra na misión deste centro a formación e especialización dos médicos forenses e do persoal técnico do Instituto.

O persoal médico forense.

O persoal médico forense consta de funcionarios que constitúen un corpo nacional de tituladas e titulados superiores ao servizo da Administración de xustiza. Para o acceso a este corpo esíxese estar en posesión da licenciatura en medicina.
O persoal médico forense destinado no Instituto de Medicina Legal de Galicia depende do director do Instituto e no curso das actuacións procesuais están ás ordes das autoridades xudiciais e fiscais, pero emiten os seus ditames médicos con plena independencia e baixo criterios estritamente científicos. 

Organización territorial

O Instituto estrutúrase en sete subdireccións territoriais, cada unha delas coas súas respectivas áreas de patoloxía forense e de clínica medicolegal.
O ámbito territorial das subdireccións é o seguinte:

  • Subdirección territorial da Coruña, cuxo ámbito de actuación comprende os partidos xudiciais da Coruña, Betanzos, Carballo e Corcubión.
  • Subdirección territorial do Ferrol, que comprende os partidos xudiciais de Ferrol e Ortigueira.
  • Subdirección territorial de Santiago de Compostela, para os partidos xudiciais de Arzúa, A Estrada, Lalín, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Padrón, Ribeira e Santiago de Compostela.
  • Subdirección territorial de Lugo, con ámbito de actuación en toda a provincia.
  • Subdirección territorial de Ourense, tamén con ámbito provincial.
  • Subdirección territorial de Pontevedra, cuxo ámbito de actuación son os partidos xudiciais de Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Marín, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.
  • Subdirección territorial de Vigo, que comprende os partidos xudiciais de Ponteareas, Redondela, O Porriño e Tui.

A Dirección do Instituto de Medicina Legal.

Para acadar a necesaria uniformidade e coordinación o Instituto de Medicina Legal de Galicia está dotado dun órgano central: a Dirección.

A esta corresponderalle realizar os labores de organización, planificación e control do funcionamento dos sete centros de traballo.

Este órgano sitúase en Santiago de Compostela, cidade na que a institución ten a súa sede oficial.Compoñen a Dirección o director, quen, ademais das súas funcións directivas e de representación, asume a xestión operativa da subdirección no centro de Compostela, e o Consello de Dirección (integrado polo director, os subdirectores territoriais, os xefes de servizo, e representantes do persoal), ao que lle corresponde aprobar as directrices técnicas e os protocolos xerais de actuación dos servizos.

Directorio Telefónico

  • Subdirección Territorial de Santiago de Compostela
    R/ Viena s/n, Edificio Xulgados
    15707 Santiago
    Tel.: 981 54 04 81 Fax.: 981 54 03 59
  • Subdirección Territorial da Coruña
    R/ Monforte s/n, Edificio Xulgados
    15071 A Coruña
    Tel.: 981 185 291 Fax.: 981 185 268
  • Subdirección Territorial de Ferrol
    R/ A Coruña, 55
    15401 Ferrol
    Tel.: 981 337 242 Fax.: 981 337 333
  • Subdirección Territorial de Lugo
    R/ Praza de Avilés, s/n
    27002 Lugo
    Tel.: 982 294 871 Fax.: 982 294 868
  • Subdirección Territorial de Ourense
    Praza de Concepción Arenal, s/n
    32071 Ourense
    Tel.: 988 687 169 Fax.: 988 687 016
  • Subdirección Territorial de Pontevedra
    R/ Tomás y Valiente, s/n
    36071 Pontevedra
    Tel.: 986 805 886 Fax.: 986 805 885
  • Subdirección Territorial de Vigo
    R/ Lalín, 4, Edificio Xulgados
    36209 Vigo
    Tel.: 986 817 358 Fax.: 986 817 359

Documentos relacionados

  • Decreto 119/2005 polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia (formato PDF)
  • Orde do 23 de marzo de 2006 de entrada en funcionamento do IMELGA (formato PDF)
  • Orde do 10 de maio de 2006 sobre selección e nomeamento de médicos forenses interinos (formato PDF)
  • Regulamento dos Institutos de Medicina Legal (formato PDF)
  • Memoria IMELGA 2011 (formato PDF)
  • Memoria IMELGA 2010 (formato PDF)
  • MEMORIA IMELGA 2009 (formato PDF)
  • Memoria IMELGA 2008 (Formato PDF)
  • Memoria IMELGA 2007 (formato PDF)
  • Memoria IMELGA 2006 (formato PDF)