Nunha emerxencia química

Que facer en caso de emerxencia química?

A resposta a unha emerxencia por un accidente químico en industrias afectadas pola Directiva Seveso, faise en dous niveis de actuación que son:

  • O Plan de Emerxencia Interior (PEI) da propia empresa que actúa no primeiro momento no que se produce o accidente e que coordina os medios e recursos propios.
  • O Plan de Emerxencia Exterior (PEE), que establece o esquema de actuación das autoridades, organismos e servizos externos que interveñen cando as consecuencias do accidente poden afectar a persoas ou ao medio ambiente, fóra do recinto industrial.

As posibles medidas colectivas de autoprotección son:

  • O confinamento: consiste no refuxio da poboación nos seus propios domicilios ou en recintos que se atopen preto no momento de anunciarse a adopción da medida.
  • O afastamento: consiste no traslado da poboación a lugares seguros empregando os seus propios medios.
  • A evacuación: consiste no traslado masivo da poboación que se encontra na zona de intervención cara a zonas afastadas da mesma. A evacuación é unha medida definitiva que comporta riscos en si mesma e que se xustifica unicamente en función dun perigo de longa duración ou en caso de que poida estar exposta a poboación.

A efectividade aumenta cando queda garantido o estrito cumprimento das seguintes condicións:

  • Aviso inmediato a poboación ao producirse o accidente ou detectarse a fuga mediante sinais acústicas perceptibles en cada núcleo de poboación.
  • Coñecemento doutras medidas de autoprotección complementarias para un suposto caso de accidente químico.
  • No caso de que a medida máis idónea sexa o confinamento, a poboación debe estar debidamente concienciada e instruída.

De seguido pódense consultar os procedementos que se empregarían no caso de accidente nunha industria deste tipo. É importante subliñar que moi poucas industrias químicas presentan riscos de accidentes maiores e que nas zonas próximas a empresas deste tipo se realizan campañas de información de que facer en caso de emerxencia.

Tamén dicir que para cada zona de risco os diferentes Plans de Protección Civil recollen as medidas mais axeitadas tendo en conta os perigos existentes.