O risco químico

O risco químico é un risco tecnolóxico presente en determinadas rexións industrialmente desenvolvidas.

Nas industrias químicas fabrícanse produtos básicos para a elaboración de medicinas, pinturas, combustibles, deterxentes, etc. produtos todos eles necesarios pero que conteñen substancias que, polas súas propias características, poden comportar certo tipo de riscos. Por este motivo, o seu uso indebido ou un accidente durante o seu transporte, tratamento ou elaboración, pode causar danos graves ás persoas ou ao medio ambiente.

Tendo en conta estas circunstancias a Dirección Xeral de Interior e Protección Civil puxo en marcha unha campaña informativa para a prevención do risco químico, cumprindo así coa normativa ditada pola Unión Europea para previr as consecuencias de accidentes graves nas actividades industriais e limitar as súas consecuencias para o home e o medio ambiente. Unha normativa, esta última, que esixe a elaboración de plans de emerxencia exterior e a adopción de medidas de información para a poboación.

Estatisticamente é pouco probable que se produzan accidentes, debido a que as industrias e a Administración traballan para evitalos. Así e todo, cómpre saber como actuar para protexerse nun caso de emerxencia nunha zona na que estea presente este risco. 

Galicia foi unha das primeiras comunidades de España en desenvolver medidas de prevención do risco químico e en fomentar a comunicación coa poboación.