En desenvolvemento do referido artigo 119 da Constitución, aprobouse, o día 10 de xaneiro de 1996, a Lei de Asistencia Xurídica Gratuíta. Segundo esta norma, teñen dereito á prestación da asistencia xurídica gratuíta:
- Os cidadáns españois, os nacionais dos demais Estados membros da Unión Europea e os estranxeiros que residan legalmente en España, cando acrediten insuficiencia de recursos para litigar
- As entidades xestoras e servizos comúns da Seguridade Social, en todo caso.
- As seguintes persoas xurídicas, cando acrediten insuficiencia de recursos para litigar:
- Asociacións de utilidade pública previstas no artigo 4º da Lei 191/1964, de 2 de decembro, reguladora das asociacións.
- Fundacións inscritas no rexistro administrativo correspondente
- Na orde xurisdicional Social (laboral), para a defensa en xuízo, os traballadores e os beneficiarios do sistema da Seguridade Social.
- Na orde xurisdicional Penal, terán dereito á asistencia letrada e á defensa e representación gratuítas os cidadáns estranxeiros que acrediten insuficiencia de recursos para litigar, aínda que non residan legalmente en territorio español.
- Na orde contencioso-administrativa, así como na vía administrativa previa, os cidadáns estranxeiros que acrediten insuficiencia de recursos para litigar, aínda que non residan legalmente en territorio español, terán dereito á asistencia letrada e á defensa e representación gratuíta en todos aqueles procesos relativos á denegación da súa entrada, á súa devolución ou expulsión do territorio español e en todos os procedementos en materia de asilo (artigo 2 e artigo 22 da Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, modificada pola Lei orgánica 8/2000, do 22 de decembro).